Aquí está o resumo da viaxe á Ribeira Sacra. Non era sen tempo... :D
O primeiro día chegamos pola tarde áo camping de Augasmestas (Quiroga) e deixamos as maletas nos bungalows. No meu bungalow só durmimos Adrián e eu, así que tivemos sitio máis que de sobra. Como era tarde, cada un fixo o que lle apeteceu: uns foron pasear, outros descansaron, outros xogamos ao fútebol... Á hora de cear xuntámonos no restaurante e despois fomos a dar un paseo por Monforte. Ao chegar ao camping fómonos deitar, xa que o luns nos agardaba unha boa camiñada.
A rota do luns foi polos montes d´O Courel, que vos recomendo visitar. Non foi tan duro como o ano pasado, mais chegoulle ben. O Courel debe de ser unha das poucas zonas galegas libres de eucaliptos e onde os bosques son autóctonos. Entre outras cousas, durante o camiño visitamos a Fonte de Ferro, de onde mana auga cunha grande cantidade de ferro na composición, vimos o que algúns consideran o famoso
Monte Medulio... Paramos nun mirador para comer uns bocadillos e seguimos andando. Coa tarde ben entrada acabamos a rota e fomos a un bar nunha aldea chamada Ferreirós. O dono do bar tallou artesanalmente as mesas, sillas e bancos que utilizan os seus clientes. Despois de tomar algo montamos no autobús para volver ao camping, onde aínda tivemos tempo de ir bañarnos a un embarcadoiro no Sil xunto ao camping antes de cear e deitarnos.
O martes visitamos
As Médulas. Aínda que algúns xa as coñecíamos, impresionáronnos tanto como a primeira vez. Fixemos unha visita guiada e tivemos a oportunidade de entrar en varias covas. Unha delas tiña un grande desnivel, así que ao saír baixamos a costa correndo a todo dar deixándonos levar pola inercia. O que non sabiamos é que estiveramos a punto de provocar o derrumbe da cova! Parece que fóra da caverna se sentiu un ruido fortísimo e que a guía pensou que ía haber un desprendimento. E nós sen enterarnos até que saímos!! :D Despois fomos a un restaurante na zona e un pouco máis tarde marchamos para o camping no autobús. Unha vez alí bañamonos de novo no Sil, cambiámonos e marchamos a cear a Monforte. Despois de dar unha volta pola vila volvemos ao camping para descansar.
O mércores foi o último día de excursión. Visitamos unha adega de
Regina Imperial, onde nos explicaron os tratos que recebe o viño desde que se elabora até que é envasado. Despois da degustación do viño fomos no autobús até o embarcadoiro de San Estevo, desde onde saía o noso catamarán polo río Sil. Fixemos unha viaxe de aproximadamente 1:30 h e despois comemos de bocadillo. Ao acabar visitamos un mirador desde o que se ve unha parte do Sil e logo fomos até Chantada. Alí paramos a tomar algo e demos un paseo pola vila. Por último montamos no autobús, que nos levou até o
CRD, onde nos despedimos antes de marchar para as nosas casas.
A verdade é que foron catro días moi ben aproveitados.
Un saúdo
David